F.G.
de Montañismo
Benvida
Actividades
Refuxios
Fedérate
Clubes
Sendeirismo
Enlaces

Manual de Autoprotección

Normas básicas para gozar da Natureza sen riscos.

 

Normas básicas xerais

Antes de comeza-la marcha:

1.- Planifica con xeito a excursión, estuda o percorrido servíndote dun mapa, tendo en conta as características do lugar e da estación do ano no que o vas visitar.
2.- Infórmate da climatoloxía da zona, e deixa aviso do itinerario e tempo que che vai levar a algún familiar ou amigo.
3.- Leva o equipamento preciso e non cargues cousas inútiles. Leva o mapa do percorrido. Ten en conta que nos cumios a diferencia de temperatura é importante. Leva sempre na mochila unha prenda de abrigo.
4.- Elixe ben o tipo de botas para o lugar que vas percorrer. Leva na mochila un par de calcetíns protexidos da humidade, poden ser moi necesarios.
5.- Lembra que non é conveniente ir só, sobre todo en longas travesías no inverno.
6.- A brúxola (buxola ou compás) e o mapa son de gran axuda, e poden chegar a ser imprescindibles chegado o caso. O GPS dá moita máis información e segundo a actividade debemos valorar a súa utilización.

 

Pérdida por desorientación

Medidas preventivas:

1.- Procura camiñar en compañía, sen abandona-lo grupo. O ritmo do grupo debe ser o do que camiñe máis a modo.
2.- Vai fixando puntos de referencia durante a marcha: ríos, cruces, árbores, rochas, cumios, etc.
3.- Mide ben as tuas forzas: no grupo facede unhas paradas para beber, comer algo e situar no mapa a vosa situación.
4.- Non deixes de camiñar se sentes moito frio: deberás comer e beber sobre a marcha. Sobre todo non malgastes as forzas nin o calor facendo esforzos inútiles.

Qué facer se te perdes:

1.- "Ante todo, mucha calma". O primeiro é manter a calma. Necesitamos tomar decisións e é importante non perder os nervios.
2.- Tratar de determinar o lugar onde te atopas, ben ollando no mapa ou buscando referencias no terreo.
3.- Procura achegarte a un punto elevado para poder ter unha boa observación.
4.- Determina un rumbo a seguir coa axuda da búxola. Se a visibilidade e pouca ou nula tes que valorar se non é mellor agardar a que mellore. Non perdas as referencias que teñas.
5.- Se o consideras necesario comunica a túa situación ó número de emerxencia e indica ben a situación en que estás (ferido, só ou en compaña, con material de abrigo, etc) e canto tempo levas desorientado.

 

Incendios forestais

Medidas preventivas:

1.- Non prendas lume no monte. Nin para quentarte nin para cociñar. O vento pode levar o lume a outro punto.
2.- Se nun caso extremo te ves obrigado a quecer algo dentro da tenda, prepara a cociniña no exterior e unha vez dentro acondiciona un espazo libre e seguro ó redor, e nunca a perdas de vista. Extrema as precaucións.

Como actuar frente o lume:

1.- Se é un foco pequeno intenta apagalo con polas, auga ou con terra.
2.- Avisa en canto poidas chamando ó 112. Intenta poñerte a salvo, ben nunha zona xa queimada ou ben nun claro. Procura fuxir baixando e nunca corras cara a arriba.

 

A treboada

Como debemos actuar:

1.- Evitar as cristas e baixar dos cumios canto antes, procurando non facelo polas aristas.
2.- Desfacerse dos obxectos metálicos (piolets, crampóns, mosquetóns, bastóns, etc.)
3.- Non deterse baixo as árbores e as rochas, nin pegarse a unha parede mollada. Afástate de todo o que sobresaia e tamén dos rabaños de animais.
4.- Se a tes xusto enriba, séntate no chan procurando illarte coa mochila ou a corda. Non te deites e agarda a que pase o máis forte para seguir baixando.

 

Se hai feridos

Como actuar:

1.- Unha vez se ten producido o accidente, o primeiro é manter a calma, tranquilizar ó ferido e aclarar as ideas sobre o que tes que facer.
2.- Comproba o grao de consciencia, se ten hemorraxias, tomalle o pulso e procede a realiza-los primeiros auxilios procurando mover ó ferido o menos posible. (É bo ter algún cursiño de primeiros auxilios ou ter coñecementos básicos para saír ó monte).
3.- Se é preciso pide axuda nos teléfonos de emerxencia, aportando os datos sobre o estado físico do ferido e o lugar onde estades, coa máxima exactitude.

 

Teléfono de Urxencia

112

S.O.S. GALICIA - PROTECCIÓN CIVIL - SEPRONA

 

 

 

 

 
Federación Galega de Montañismo

www.fgmontanismo.com

Rúa Fotógrafo Luis Ksado
nº 17 - of. 10
36209 - VIGO

Novos teléfonos:
Telf.: 986 20 87 58
Fax: 986 20 74 07